Ludwig Zeller: Sílaba incandescente do desexo




debuxo colaxe de L.Zeller




SÍLABA INCANDESCENTE DO DESEXO

Noite a noite escóitote vagar baixo as miñas pálpebras
ti prendes os cristais ti pastas as cantáridas sedentas
ondeas coma un río azuis corvos erguen peitean as súas escamas
ao peteirares as luces doutras lámpadas chamas

os paxaros de onte non teñen plumas arden só no voo
mármore que recúa cara os nós onde de súpeto berras
no ritual secreto das grandes cornas que repiten
un nome ti cóbreste de estames e de beizos

porque adiviño en ti como o pregue oculto da améndoa
ese rumor que sobe dos soños eses fíos da vertixe
caen desde a túa boca como un regato inmóbil os cristais
enxame vertical que te rebanda te sulca para sempre

onde vocexas ti cando a noite pecha as súas esquirlas
e as cordas se tensan como a pel visguenta dun animal
estraño á nosa mente que semellante a unha floración mineral
rodea un candelabro cuberto de abellas?

estás aquí ou non estás? A través das bágoas escoito
esa pel que o tormento percorre para que agrome á fin
o teu ser en pétalos estás dentro de min coma o chasquido
desa atroz limadura coas chagas viradas cara adentro

muller tatuada do amor as ascuas abren polen
aquelas cinco flores de delirio amarras que te cobren
tal lianas de febre eu esculco a través desa luz
os espellismos onde non es máis ca sede perpetua

porque te vin como unha ave branca descender
a espiral sen fin do meu desexo cando os peitos se abren
nunha granada que peteiras cando renxen as cordas
camiñas nun fío dou contigo no reverso dos espellos

ser dourado onde lonxanos resplandores me fan señas
eu adéntrome nas liñas das túas mans o destino
forxou un tormento docísimo esticando o resorte
que non salta endexamais como unha fervenza no silencio

meu paxariño de sol, miña escudela de bágoas, miña irmá
no procurar non hai azougue que logre embazar os cristais
nesa soidade eu escoito dentro debruzarse a túa imaxe
sobre o bordo de paisaxes que xa tiñamos esquecidas

saloucando ollas esas flores traslúcidas que arrastra
a corrente cara outras costas onde non hai piedade
senón un renxer xeado desa roda coitelo de violentas cicatrices
acordada de sócato escoita escoita como caen as plumas

na area o foxo arrepiante onde bate unha estría
con outra fragmentos raleados máscaras aventadas
sobre o beizo as aspas dos teus brazos onde me precipito
feito esquirlas de fósforo na salvaxe queimadura

de amor interrógote sen pálpebras chámote desde pozos
onde brama o sangue por ser fume por lamberte por dentro
pois a lingua non ten sílabas senón as do teu nome
a golpe de tambores vas anoando en sangue os marfíns

esa insistente vontade persegue as caravanas do esquecemento
na terra enxoita os portadores do fel baten
os pesados sinos do carro dourado que arrastras berrando
da abominación ti te defendes cun ramallo espida

tatuaxes que murmuran dende un tempo de xerras antigas
onde non hai cinsa senón auga certidume total
da choiva que rexe entre os repeniques do riso
ese arrecendo de papoulas exhaustas entre as bisagras do teu sexo

xa non hai deserto aquí se estás presente tépeda e doce
é a neve que che cobre as costas coma un coiro de alpaca
ao que estou suxeito dende a miña infancia por cordas 
máis tensas que o faiscar de agullas sobre fogueiras insomnes

imos de porta en porta ecos dese instrumento
invisible que ao pulsarmos mesturou os ósos
e non temos pelaxe senón plumas coma o faisán que volve os seus ollos
á frecha e fíxaa no seu voo de lóstrego caendo

remuíños de desespero perséguente as serpes do areeiro
xa non atopan o feixe vertixinoso a garrafa en que soían
axitar o cristal deica o zunido ou rasuráreste ata seres
o espectro da muller de sal detrás das túas meniñas vexo sangue

vexo un fogón que arde alá na infancia remuíños
sulcan a túa pel e cóbrente as luces como pálpebras
diamante esgazadura que eu bebo nos bordos da rosada
reflexos da sede ante o misterio dos teus peitos ardentes

sobre os xeroglíficos do pranto esas mornas sementes
pechadas nos pregues do acontecer baixamos abre entreabre
as túas chavellas de améndoa as cascas do ollo piden auga
érguense no delirio arremuíña o vento os vidros da sede

que atravesan o meu existir que se adentran nos meus fríos refugallos
eses cernes agres callóns ao sol da desdita
camiños sen onte e sen mañá ninguén pode avanzar
o tempo é fume se non te vexo o mundo esfrangulla

quero lamber por dentro aquelas pálpebras ser a area
que as túas veas empurran coma un astro ter a pel as poutas
a dozura de soplar sobre a alma de bater
no cuarzo da noite eses ramallos escuros do desexo

cun vidro afumado ollaremos a pel deste espellismo
esfregaremos as xemas ata ser só chagas oceánicas améndoas
que soñei no tempo en que as pestanas verqueron
a piedade das túas bágoas nun río que cae cinsa de costado

nun planeta estraño desabrochas o teu corpo voas feita farrapos
lúa insomne que en nós se pecha para sempre